O videoclip que Enrique Iglesias estrea hoxe recibirá máis de 100 millóns de reproducións

Os 300.000 euros cos que o Goberno autonómico colaborou na rodaxe do último videoclip de Enrique Iglesias en distintas paraxes da Comunidade galega supoñerán, tal e como explicaron a ABC fontes relacionadas coa produtora da cinta, que «62 millóns de persoas (a suma dos seus seguidores nas redes sociais) van recibir si ou si o convite de Enrique para viaxar a Galicia». Aínda que o videoclip sairá á luz hoxe, desde a produtora esperan que «nun cálculo prudente» esta gravación non baixe dos cen millóns de visitas. De aí que a colaboración da Xunta coa rodaxe deste vídeo sexa considerada unha promoción acorde cos tempos na que se aproveitan «as vantaxes dos medios dixitais para chegar a todo o mundo cun custo marxinal».

A contribución autonómica á gravación —criticada polo Bloque no Parlamento, que cualificou a axuda como «unha graciosa concesión ao cantante»— tamén chegou este xoves ao Consello da Xunta. Preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior á reunión co seu equipo, o presidente Alberto Núñez Feijóo aclarou que «o que nos interesa con este vídeo é dar a coñecer Galicia, e canto máis millóns de persoas vexan imaxes dela, máis posibilidades temos de ser un destino turístico no mundo».

A propósito da polémica suscitada, a propia oficina de representación do artista asegurou onte a través dun comunicado que Enrique Iglesias non cobrou «nin un céntimo» dos 300.000 euros que a Xunta destinou ao videoclip «Noche y de día», rodado en terras galegas, senón que «a totalidade do orzamento» foi para «custos de produción e axudas de custo». Desde o contorno da produtora inciden, así mesmo, en que este é o primeiro vídeo que o cantante roda en España e engaden que cunha campaña convencional só en televisións españolas o custo de promocionar o turismo en Galicia tería sido de varios millóns de euros, «chegando só a unha fracción reducida de persoas».

Galicia, ao comezo do clip

Sobre o feito de que os escenarios galegos máis identificables aparezan ao comezo (vénse localizacións da Coruña, Vigo, Santiago, Ribadeo ou o mosteiro de Carboeiro, ademais dun rótulo que sitúa as escenas en Galicia), as mesmas fontes aclaran que está pensado para garantir que cheguen mesmo aos espectadores que non vexan o clip completo, senón só o seu arranque.

Pola súa banda, o produtor da cinta, José María Besteiro, defende que parte do investimento que realizou Turismo xa se recuperou, en alusión aos máis de 100.000 euros que foron parar ás empresas e profesionais galegos que participaron na produción do clip, como hostaleiros ou traballadores de empresas de iluminación e de catering que apoiaron a rodaxe en Galicia.

 

AUTOR: P. ABET
FONTE: Diario ABC

Publicacións similares